Apertura extraordinaria do blogue por un gran motivo… a celebración do día internacional da Educación Social. E coincide que hoxe estou no Porto, en Portugal, e aquí estamos a festexar o III Congreso Internacional de Educación Social. E coincide que estou aquí acompañando un grupo de franceses que están formándose para ser animadores socioculturais profesionais e que o contexto no que están realizándose as súas prácticas invítaos á reflexión sobre a necesidade de traballar a Educación dende unha perspectiva global, abrangente que din/dicimos os lusófonos… e que ante esas cuestións eu sempre aproveito para falar da miña profesión, da sorte que teño por ser Educadora Social.
O CEESC lanza o desafío de celebrar o #edusoDay cun Carnaval de Blogs, cantando algunhas razóns polas que non deixaremos de ser Educadores Sociais… eu na cabeza teño uns millares mais vou tirar das que agora son máis evidentes.
Porque penso que otro mundo é posible e a Educación Social apórtame moitas ferramentas para chegar a construílo… e persoas coas que facelo.
Porque na miña vida cotiá como Educadora Social teño a posibilidade de experimentar o «Actúa localmente, pensa globalmente», traballando cada día con individuos e comunidades, a pequena escala, nunha perspectiva de transformación social que vai moito máis aló das paredes das súas casas ou os límites dos seus barrios… e que ás veces se concreta, por exemplo, non proxectiño de mobilidade duns animadores que marchan dúas semanas ó Portugal e que consiguen establecer, traballando cos actores locais, un sistema de moeda social.
Porque é un dereito da cidadanía e, sobre todo nestes tempos, os dereitos temos que defendelos con toda a nosa forza.
Por xustiza social, porque estamos aquí para ser o contrapeso de sistemas económicos e políticos que deixan a tanta xente fóra da balanza.
Por todo o vocabulario que compón o diccionario do #postureoeduso e no que creo fortemente : a multiprofesionalidade, a interdisciplinariedade, a globalidade… que supoñen que se existimos é tamén grazas a e cos outros profesionais cos que traballamos día a día.
Porque aínda temos que derrubar tantos muros e inventar tantos mundos novos !
Porque creo na sociedade educativa por encima dos sistemas educativos (un pouco de clásicos).
Porque aínda non nos emancipamos… mais farémolo.
Porque incluso o meu tempo de espera é un tempo de quefacer (mándalle outro clásico)